Data: 17 Maio 2024
Fonte: Campo Galego
En concreto, dende a SGPF identifican unha serie de impactos sobre o sector gandeiro “que son de gran preocupación para nós de cara ao sector que representamos”. En concreto:
– Elevada competencia pola terra nunha zona con gran actividade gandeira de leite e carne. “Tanto polo tamaño da industria como pola demanda de madeira que está proxectado que precisará o impacto desta industria implicará un incremento da competencia pola terra o que encarecerá e dificultará a instalación e a mellora de novas ganderías máis aló da comarca da Ulloa. Os terreos nos que se pretende instalar a industria formaban parte de varios proxectos gandeiros, algúns vinculados coa gandería ecolóxica que non se poderán desenvolver”, advirten.
– Forte competencia pola auga. “Na actual situación de emerxencia climática preténdese iniciar un proxecto industrial cunha altísima demanda de auga que, chegado un momento de escaseza da mesma, competirá cos usos agrícolas e gandeiros da zona”, subliñan.
– Alto impacto ambiental sobre as emisións da propia industria. Dende a Sociedade Galega de Pastos e Forraxes alertan tamén de que “a repercusión sobre o sector gandeiro darase tamén pola emisión de sustancias nocivas que repercutirá negativamente sobre a actividade gandeira nun radio moi amplo e afectará a aquelas ganderías ecolóxicas situadas máis preto das instalacións”.
Por todo isto, dende a Sociedade Galega de Pastos e Forraxes amosan o seu apoio ao “Manifesto das persoas produtoras” que se vai presentar o vindeiro 21 de maio pola Plataforma Ulloa Viva, así como a participación na manifestación convocada para o 26 de maio en Palas de Rei por 4 plataformas da comarca.
URL: https://www.campogalego.gal/sociedade-galega-de-pastos-e-forraxes-rexeita-o-proxecto-da-planta-de-celulosa-de-altri-en-palas-de-rei/