Sociedade Galega de Pastos e Forraxes

Opinión SGPF


Data: 26 Maio 2024

Víctor Álvarez: “Con Extensión Agraria deuse un paso moi importante na agricultura e gandaría da comarca”

Fonte: A Mariña Xornal

Entrevista a Víctor Álvarez, membro da directiva da SGPF e uns dos organizadores da última Reunión da nosa sociedade ("Pasado, presente e futuro do asesoramemto agrario") que tivo lugar no CFEA Pedro Murias (Ribadeo).

Víctor Álvares é membro da Sociedade Galega de Pastos e Forraxes. Xunto coas persoas da sociedade levaron adiante no centro Pedro Murías de Ribadeo unhas xornadas sobre o 'Pasado, Presente e Futuro do Asesoramento', un acto que tamén serviu para realizar unha homenaxe ao que fora o servizo de Extensión Agraria. Coa homenaxe quíxose poñer en varlo o traballo realizado desde os anos 1950 até comezos do século XXI por parte de homes e mulleres que achegaron tanto avances na explotación de terras e gando como melloras na calidade de vida das persoas do rural.

 

- Que temas abordastes neste encontro ‘Pasto e Forraxe’ e cal é a aportación que querían achegar ao mundo rural?

O seu título era ‘Pasado, presente e futuro do asesoramento. Homenaxe á extensión agraria’. Buscabamos transmitir a importancia do asesoramento para a agricultura e gandaría actualmente. A primeira xornada abordou desde a perspectiva privada e pública como está a situación do asesoramento sobre gandaría e o mundo rural. A segunda xornada foi unha homenaxe ás persoas que formaron Extensión Agraria, desde os anos 1950 até os 2000. Queriamos ver canto se podía aproveitar da herdanza que nos deixaron. Invitouse a antigos traballadores de Extensión Agraria para facerlles unha homenaxe.

- O legado das persoas que traballaron en Extensión Agraria, os centros desta extensión, cal foi a pegada que deixaron e cales son as posibilidades de aproveitar hoxe esa herdanza?

Deixaron unha maneira de facer asesoramento, foron os primeiros en traballar neste aspecto. Daquela o traballo consistía en mostrar como se podía facer o muxido mecánico, as concentracións parcelarias ou o ensilado. Hoxe en día seguen estando en vigor e a maneira de aprender dos agricultores daqueles tempos podemos trasladalos aos tempos de agora. Agora a Consellería de Medio Rural é a que leva as oficinas rurais e ao mellor esas oficinas poderían dar un xiro ao seu traballo para seren máis elementos de asesoría e non tanto de burocracia.

- Cales foron os grandes pasos de Extensión Agraria para facer evolucionar a agricultura na comarca?

O primeiro a introdución da maquinaria para traballar as terras, as concentracións parcelarias que daquela non había, e na zona de Ribadeo fixéronse varias con cambios na estruturación de parcelas, algo que beneficiou no rendemento das explotacións. Introduciron sementes máis productivas nos prados e nos cultivos. Creo que o salto que se deu desde o ano 1960 en diante foi dunha grande importancia para toda a gandaría e agricultura que hoxe se beneficia diso.

- Extensión agraria tamén se ocupou dos montes?

Moito menos porque existía un servizo que dependía do ICONA para as repoboacións nos montes. Extensión Agraria centrouse máis en agricultura e gandaría.

- Atendíanse outros aspectos da vida dos agricultores?

Estaban as axentes, mulleres que traballaban a economía doméstica. Desde Extensión Agraria dedicábanse a asesorar na alimentación, porque daquela a xente estaba mal alimentada. A conserva dos produtos, obras comunitarias e que hoxe seguen vixentes, por tanto as mulleres tamén participaron na Extensión Agraria.

- Entre os agricultores hai décadas era habitual que a xente da parroquia participase en obras comunitarias, isto tamén garda relación con Extensión Agraria?

Si, mais non todas. Había obras como traídas de auga, fontes, zonas de lecer e todo iso facíase mediante fondos de Extensión Agraria e eran obras que se facían comunitariamente entre os veciños da localidade.


SOCIEDADE GALEGA DE PASTOS E FORRAXES
Fonmiña 2 · C.P. 27.246 · A Pastoriza · Lugo · Galicia · España · Aviso legal / Política de cookies / Protección de datos
Síguenos en